PRESENTACIÓN DO RECEITARIO “COCIÑANDO COAS RAZAS AUTÓCTONAS” NA FEIRA DO LIBRO DE PONTEVEDRA

[PRESENTACIÓN DO RECEITARIO  “COCIÑANDO COAS RAZAS AUTÓCTONAS” NA FEIRA DO LIBRO DE PONTEVEDRA - uploads/9/news/portada_autoctonas_1.jpg]

23.05.2013. Mañá, sábado 25 de maio, ás 12.00 horas, Rocío Garrido Caramés presentará o seu libro de receitas Cociñando coas razas autóctonas na Feira do Libro de Pontevedra. A continuación, a autora firmará exemplares na caseta da Libraría Pedreira.

O receitario, editado pola Federación de Razas Autóctonas de Galicia-Boaga, xa conta no seu haber cun dos Gourmand World Cookbook Awards de 2012, galardóns de ámbito internacional cos que se distingue a produción editorial gastronómica e que recoñeceron esta publicación como o mellor libro de cociña sostible de España.

Cociñando coas razas autóctonas inclúe receitas elaboradas pola propia autora con carnes de todas as razas autóctonas galegas en perigo de extinción: Ovella Galega, Cabra Galega, Galo Mos, Porco Celta, Cabalo de Pura Raza Galega e as bovinas Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa. No receitario tamén vén o modo de preparación de varias larpeiradas elaboradas a base de leite, ovos e queixo fresco, todos produtos secundarios derivados das devanditas razas.

Rocío Garrido Caramés (Sanxenxo, 1976) é afeccionada á cociña e editora do blog La cocina de mi abuelo. O denominador común de todas as receitas de Cociñando coas razas autóctonas é a sinxeleza, xa que se poden facer cuns poucos ingredientes coñecidos e asequibles, “que todo o mundo ten no refrixerador”.

Este é o primeiro libro da autora pontevedresa, cuxa presentación oficial tivo lugar o pasado xuño no Salon de Alimentación do Atlántico (Salimat). Neste acto, Rocío puntualizaba que “cando un produto é bo non se necesita moito condimento”.