Descargar PDF en alta resolución

A maioría das explotacións de Cabra Galega concéntranse nas zonas de montaña das provincias de Lugo e Ourense, onde fan un aproveitamento dos montes como ningunha outra especie é capaz de facer, ademais de contribuír a evitar o despoboamento destas zonas. O sistema de manexo utilizado é extensivo ou semiextensivo, tratando de optimizar ao máximo os recursos que ofrece o territorio.

A raza Cabra Galega ten actualmente un censo de animais moi reducido, o que se traduce nunha produción a día de hoxe moi escasa, pero cunhas perspectivas de futuro moi grandes dado o número de criadores que están traballando coa raza.

Como diciamos arriba, o sistema de produción ten como base a utilización dos recursos que ofrece o monte galego, polo que a maior parte dos rabaños teñen un manexo extensivo ou semi-extensivo e adícanse exclusivamente á produción cárnica de cabritos, que principalmente se crían de dúas formas:

  • Alimentados co leite das nais en sistemas de cría extensivos onde os cabritos saen ao monte desde o primeiro día.

  • Alimentados co leite das nais e suplementados con cereal soamente nalgunhas épocas do ano en que lles é necesario. Este sistema utilízase onde as condicións para a cría dos cabritos son máis adversas debido á climatoloxía e á orografía.

Para a comercialización do produto tamén se distinguen dous produtos:

  • O cabrito leital, de aproximadamente 2 meses de vida e 4-5 kg de peso en canal, predominante na provincia de Ourense.

  • O cabrito adulto, de 3-5 meses de vida e 7-9 kg de peso en canal, sendo esta a forma predominante na provincia de Lugo.

Os partos adoitan agruparse nos meses de primavera, que é a mellor época para que as cabras estean ben alimentadas e poidan criar os cabritos. Ademais, o consumo principal dos cabritos é durante os meses de verán, coincidindo coas tradicionais festas gastronómicas galegas, que constitúen a principal saída comercial para os cabritos.

 

¿Onde Mercar?