Historicamente, en Galicia existiron dous tipos de explotacións ovinas diferentes; unhas, nas zonas de montaña, chamadas “veceiras” (rabaños comunitarios), que pastoreaban as zonas altas e inaccesibles para o vacún; e outras nas zonas de val ou nas vertentes dos montes próximos. Nestas últimas os animais explotábanse conxuntamente co gando vacún como unha produción complementaria, xa que as ovellas sostíñanse co que deixaba ou non podía alcanzar o vacún, e non necesitaban unha atención especial nin unha man de obra cualificada.

A intensificación das producións na busca de maiores rendementos trouxo consigo a substitución dos machos da Ovella Galega por outros de razas de maior especialización cárnica. Este motivo foi a causa do drástico descenso da poboación en toda a comunidade galega.

Orixinariamente a raza estaba dispersa por toda a comunidade galega, aínda que a maior concentración localizábase na zona central e na provincia de Ourense. A comezos do Programa de Recuperación os exemplares en pureza quedaran relegados fundamentalmente na zona de montaña de Lugo, Ourense, Pontevedra e litoral da Coruña. Na actualidade existe unha expansión da Ovella Galega, polo que a súa presenza no agro galego cada vez é máis habitual.